24/9/12

Suspensión das Xornadas Scratch+Arduino

Os coordenadores das xornadas de Scratch+Arduino, previstas para realizarse en Vigo no mes de novembro, decidimos postergalas sine die debido aos cambios que pode sufrir o sistema educativo coa aprobación do Anteproxecto da LOMCE.

O texto da LOMCE supón unha redución e desfiguración significativa das ensinanzas tecnolóxicas nos primeiros cursos da ESO e a súa desaparición de 4º de ESO e Bacharelato, precisamente naqueles cursos nos que se inclúen contidos de control e robótica, e nos que o profesorado de tecnoloxía estaba a introducir paulatinamente o sistema Arduino.

Estas xornadas non estaban dirixidas unicamente ao profesorado de tecnoloxía, senón que a intención era tamén a de incorporar o sistema de programación Scratch noutras áreas e materias, dada a súa potencialidade educativa na adquisición de competencias. Porén, agora atopámonos ante unha reforma educativa que limitará a autonomía do profesorado na realización de innovacións educativas, pois verase atado por currículos pechados e probas de avaliación externas.

Desde APETEGA consideramos que non ten sentido adicar o noso tempo e esforzo a preparar actividades que poden quedar fóra do currículo se esta lei se aproba e, en calquera caso, a nosa intención é adicarnos de cheo a loitar contra o proxecto da LOMCE, que presenta un modelo de ensinanza anacrónico e completamente afastado das necesidades formativas que demanda unha sociedade moderna e tecnoloxicamente avanzada.

No momento en que teñamos algunha garantía de poder continuar incorporando as linguaxes de programación, os sistemas de control e a robótica nos currículos escolares consideraremos a posibilidade de retomar de novo a organización destas xornadas.

Queremos dar as grazas a todas aquelas persoas que se tiñan ofrecido para colaborar como relatoras, ás empresas que nos deron o seu apoio con patrocinios e a todo o profesorado que amosou o seu interese en asistir. Agardamos que nun futuro poidamos sacar isto adiante.

A organización.

1/7/12

Data e lugar das xornadas

IES A Guía
Xa temos confirmada a data e o lugar de celebración das Xornadas Scratch +Arduino.

Terán lugar no IES A Guía (Vigo) o 23 e 24 de novembro de 2012.

Vémonos alí!

2/6/12

GaliciaScratch

Benvidas e benvidos ao web «GaliciaScratch». Nel iremos introducindo toda a información e novidades sobre a organización das «Xornadas Scratch + Arduino» e do «Día do Scratch» que se van celebrar proximamente en Vigo.

Ante calquera dúbida ou suxestión, non dubidedes en poñervos en contacto connosco.